Reflexión: Revolución Tecnolóxica nas Aulas.


O proxecto de Educación Básica interactiva do colexio Santa María la Blanca de Madrid céntrase no uso das novas tecnoloxías, na elaboración dunha guía de aprendizaxe e na especificación das características de aprendizaxe de cada alumno. Indícase, así, que este proporciona gran importancia á personalización da ensinanza, intentando conseguir unha aprendizaxe individualizada para todos os seus alumnos e alumnas. Este compromiso con establecer unha aprendizaxe significativa é moi beneficioso para o alumnado, especialmente nas idades nas que se atopan, xa que se trata, xunto coa adolescencia, dun punto clave na  formación da súa personalidade. Deste xeito, poden desenvolverse sen ser encaixados no modelo estándar de “bo alumno”, que para moitos centros e docentes se reduce en estar tranquilos na aula, sen falar cando non se pide, atendendo ao profesor durante aproximadamente 6 horas diarias. Ao optar polo aprendizaxe significativo a cada alumno están promovendo aprender cun sentido e cun significado persoal que os axude a desenvolver o seu máximo potencial.

            Ademais disto, este centro opta por eliminar os exames no seu sentido tradicional, é dicir, os alumnos serán avaliados cando e como eles queiran, xa sexa por unha proba escrita, un produto audiovisual, unha exposición oral, etc. Os aspectos positivos disto son claros, mais destaca sobre todo o feito de que se evita crear unha ansiedade e unha presión innecesarias en idades tan temperás. Os intereses e as habilidades do alumnado tamén son tidos en conta á hora da avaliación, xa que esta non se reduce a un único modelo de intelixencia, como pode ser o modelo tradicional de examinar, no que só se puntúan os coñecementos que se estudaron e logo se plasmaron nun papel, pero que en realidade non demostran máis que a capacidade do alumno ou alumna de memorizar. Na miña opinión, a avaliación por proxectos como os mencionados axudan a aprender os contidos dados nas materias, ao mesmo tempo que fomentan outros aspectos cruciais para a súa formación, como poden ser a creatividade ou as habilidades comunicativas dos nenos e nenas.

            Finalmente, a formación que ofrecen nas novas tecnoloxías é de grande utilidade considerando o panorama actual, onde o coñecemento destas é crucial para manterse actualizado nun mundo onde os avances tecnolóxicos suceden constantemente.

            Para concluír, debo mencionar que a metodoloxía utilizada neste colexio me parece moi acertada, especialmente no referente a que o propio alumnado poida escoller como quere avaliarse, xa que potencia que cada un deles desenvolva aqueles aspectos que máis lle gustan, xa sexa a escritura, o audiovisual ou a oratoria, entre outros.

Comments

Popular Posts