DOC. 2: Entornos Virtuais de Aprendizaxe


Os EVA son Entornos Virtuais de Aprendizaxe que nos permiten levar a cabo unha serie de actividades moi diversas de xeito electrónico. Estes entornos destacan na posibilidade que ofrecen ao alumnado de participar e implicarse de xeito colectivo para a creación dun proxecto que lles permita interactuar entre eles e aprender a traballar en grupo. Tamén son moi favorables debido a que os axuda a traballar na súa capacidade de debater ideas, así como lles permite considerar diferentes puntos de vista que quizais non se lles ocorrerían no caso de traballar de xeito individual.

O traballo con estes entornos volveuse popular a partir do 2006, chegando ás 1000 millóns de páxinas deste tipo en 2018. Así, para a actividade que proporei servirémonos dunha wiki que nos permita a creación de textos de xeito colaborativo.

A seguinte actividade estará dirixida ao mesmo curso ao que se dirixe o blogue, é dicir, 4º ESO, mais podería adaptarse a calquera nivel da secundaria ou do bacharelato. Esta consistirá na creación dunha historia ou dunha novela colectiva a través dunha wiki e terán aproximadamente 2 semanas para preparala.

Resultado de imaxes para: wikia

Antes de comezar, dividirase a clase en grupos de 3 ou 4 persoas, os cales serán os encargados de crear cada capítulo da novela. O tema desta será de libre escolla para que se adapte aos seus intereses colectivos, mais a única condición é que se inclúan os temas tratados na aula, xa sexan aspectos gramaticais ou de vocabulario. Para isto, cada grupo deberá sacar dunha bolsa dúas papeletas que conterán o tema que deben incluír de xeito coherente no seu tramo da historia e que poderán relacionar con esta da forma que eles decidan. Esta liberdade á hora de escribir pretende potenciar a súa creatividade, xa que moitas veces esta é relegada a un segundo plano ou directamente ignorada nas aulas de linguas.

Unha vez rematada, farase unha breve exposición na aula sobre o por que da elección desa temática, a súa opinión sobre o creado polos demais grupos e sobre o resultado final, e a súa experiencia traballando nun proxecto deste tipo. Ademais, esta novela farase pública na páxina web do instituto para que o alumnado de outros cursos poida desfrutar dela.

O obxectivo principal é mellorar a competencia escrita do alumnado e traballar os aspectos aprendidos durante o curso, así como fomentar o traballo en grupo de xeito dinámico, a socialización e a cooperación.

Finalmente, considero que este exercicio tamén é moi útil para facer ver ao alumnado a utilidade inmediata de aprender unha lingua estranxeira e todo o que son capaces de facer con ela, xa que en moitas ocasións se menciona esta “utilidade” no seu futuro, mais nunca a curto prazo. Esta sensación de non poder facer nada “útil” coa lingua ata que consigan un alto nivel nela pode ter un impacto moi negativo na súa motivación, polo que demostrarlles o contrario é fundamental no proceso de ensinanza-aprendizaxe.

Comments