REFLEXIÓN: APRENDIZAXE E SERVIZOS COMUNITARIOS.
Uns dos aspectos
que considero máis importantes á hora de vivir en sociedade son a solidariedade
e o cooperativismo, os cales están moi presentes na ensinanza do IES Miguel
Catalán de Coslada. Este centro aposta por promover a interacción do alumnado
co seu entorno e pola súa colaboración para mellorar a súa cidade, xa sexa intentando
incrementar a doazón de sangue, apoiando a protectora local de animais con
diferentes tarefas ou organizando días pola solidariedade.
Ademais, o centro conta con axentes
externos, como ONGs ou o propio Concello, que colaboran para mellorar a
experiencia educativa do alumnado e para formalos en temas como a resolución de
conflitos ou a igualdade de xénero, entre outros. Ambos son temas de
actualidade que precisan de máis presenza nos centros educativos, xa que son de
vital importancia para evitar situacións tan graves como os casos de violencia
de xénero ou de bullying e para a mellora da sociedade, en xeral.
Persoalmente, vexo esta metodoloxía como un apoio mutuo, xa que o alumnado axuda a mellorar a
situación do pobo no que se sitúa a través dos Proxectos de Aprendizaxe
Servicio, mentres que axentes externos, como ONGs ou o Concello, colaboran co
centro para que estes poidan educarse en valores. O alumnado, a partir destas
intervencións, tamén aprende a traballar en equipo e a ter en conta os intereses
e ideas de outros compañeiros e compañeiras, xa que están constantemente a
traballar en grupo.
Finalmente,
menciónase que o centro organiza debates e lecturas semanais con invitados
externos a este, o cal ten dous claros aspectos positivos, entre outros. O
primeiro é o feito de que o alumnado obtén diferentes puntos de vista sobre os
temas a tratar e opinións alleas ao centro e ao seu círculo de afinidades
habitual, o cal pode espertar a súa capacidade de pensamento crítico. O segundo
relaciónoo máis coa súa capacidade de comunicar, de facerse oír e de expresar
as súas opinións e pensamentos de xeito claro e sen medo ante un público que
non coñece, o cal pode asustar nun principio.
A
modo de conclusión, gustaríame dicir que o traballo que se realiza neste centro
para incluír ao alumnado na cidade onde viven me parece moi beneficioso para
eles nun futuro, xa que aprenderán dende moi cedo a colaborar, a ser solidarios
e a prestar axuda a quen máis a precisa, o cal moitas veces non é o habitual a
pesar de ser absolutamente necesario.
Comments
Post a Comment