DOC. 1: Como se pode innovar na aula de linguas?
Como se menciona no
Documento 1, un profesor innovador é aquel que “é capaz de superar as prácticas
pedagóxicas tradicionais e considerar novas opción e respostas aos retos
xerados nas dinámicas de ensinanza-aprendizaxe”. Nos últimos anos
experimentouse un lixeiro cambio no xeito de ensinar unha lingua, xa que o
ámbito oral cobrou moita máis relevancia que a que tivo no pasado. Sen embargo,
aínda queda un longo camiño para que este tipo de ensinanza se adapte ás
necesidades que a aprendizaxe dunha lingua require, especialmente con todos os
cambios sociais e avances tecnolóxicos que están ocorrendo, como é o proceso de
globalización, a interculturalidade ou a aparición de Internet, o cal fomenta
aínda máis os dous anteriores.
En
canto á cuestión de como pode un docente de linguas ser innovador á hora de
ensinar considero que depende moito do contexto ao que nos esteamos a referir,
quero dicir, na aula ou no centro educativo en xeral. A nivel de aula, o
docente ten moita máis liberdade para adaptar a programación ás técnicas e á
metodoloxía que el ou ela considere oportunas, mais a nivel centro é máis
complicado, xa que hai certos docentes que levan utilizando durante moito tempo
unha metodoloxía máis tradicional que consideran efectiva e adecuada e non
están dispostos a cambiala. A nivel centro tamén temos que ter en conta o
equipo directivo no caso de querer realizar actividades fóra da aula ou de
xeito interdisciplinar, xa que precisamos do seu permiso, o cal condicionaría
as nosas opcións. Un exemplo disto sería o proxecto que estamos a deseñar como
tarefa na materia, xa que se trata dunha actividade na que tería que participar
gran parte da comunidade educativa, pero na que o alumnado estaría aprendendo a
lingua de xeito significativo e en relación con outras materias, coa que se
mellorarían considerablemente as habilidades comunicativas do alumnado, tanto á
hora de expoñer como de interactuar, e se perdería o medo que moitas veces non
os permite expresarse nunha lingua estranxeira por se cometen un erro. A pesar
de todo isto, sen os outros membros dos departamentos das materias
correspondentes e a axuda do equipo directivo, o docente de linguas non podería
levar a cabo o proxecto.
En
canto ao traballo do docente de linguas dentro da aula, o uso dun enfoque
metodolóxico diferente ao modelo tradicional de ensinanza no que só se realizan
explicacións teóricas da gramática e logo se completan e corrixen os exercicios
do libro, no que a comunicación teña gran relevancia e no que se exploten ao
máximo os recursos que o centro ofrece sería o máis acertado. Como mencionei
anteriormente, se unha lingua se vai utilizar para relacionarse con persoas de
outros lugares, a súa ensinanza tamén debería estar enfocada á comunicación. Persoalmente,
penso que as explicacións teóricas de gramática deberían eliminarse en favor
dun tipo de ensinanza inductivo, que promova que o alumnado teña que
interpretar e, sobre todo, comprender cando se utiliza algún aspecto da lingua,
xa que tamén se eliminaría a mentalidade de que unha lingua se pode aprender
estudándoa, como se faría con historia, por exemplo. Ademais disto, considero
que ademais de mostrar un tipo de lingua real e de utilidade, sería importante
que o docente tivera algún tipo de acordo cun centro estranxeiro que permitira
que os alumnos se comunicaran entre si a través dalgunha rede social,
fomentando así o uso da lingua fóra da aula, xa que en moitos casos é só neste
entorno onde o alumnado a utiliza.
Con
isto relaciónase o uso das TICs na aula de linguas, o cal serviría de apoio
para a tarefa do docente, xa que abriría un gran abanico de posibilidades na
aula en canto ao uso de música, cine, series e programas de televisión, xogos
interactivos, proxectos a través dunha plataforma electrónica, etc. Ademais,
achegaríase a cultura do país ou países nos que se fala dita lingua, xa que
aprender ben unha lingua inclúe máis que os aspectos lingüísticos. Así, en
moitos casos a localidade onde se sitúa o centro organiza representacións
teatrais ou actuacións nesa lingua, sesións de cine en versión orixinal ou
eventos que poden ter relevancia para o proceso de ensinanza-aprendizaxe, polo
que utilizar estes recursos e non limitarse á aula pode ser moi estimulante
para o alumnado.
Para
concluír, opino que, a pesar dos pequenos cambios que foron ocorrendo ao longo
dos últimos anos en canto á ensinanza de linguas, aínda é necesaria unha gran
reforma da metodoloxía utilizada para así provocar un cambio na mentalidade do
alumnado á hora de aprender unha lingua. Para isto, actualmente contamos moitos
recursos que facilitan a innovación na aula de linguas e no centro educativo en
xeral, o cal repercutirá positivamente na súa actitude, xa sexa con exercicios
diferentes aos habituais; mediante xogos, música ou películas, ou directamente
a través de representacións ou actividades que se realicen na localidade do
centro.
Comments
Post a Comment